Wednesday 15 de May de 2024

O Grupo Municipal Socialista reúnese coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica para abordar os novos retos da zona vella


Marcan como prioridade a regulación do tráfico de mercadorías “con máis controis de accesos, impulsando a estación de reparto de última milla e abordando a nova ordenanza de circulación”.

Mobilidade e rehabilitación, son as dúas prioridades que marcan os socialistas dentro do ámbito especial da cidade vella. O grupo municipal vén de reunirse coa Asociación de Veciños da Cidade Histórica para abordar o seu futuro “con retos tan importantes e prioritarios como a mobilidade” explicou o seu voceiro en Raxoi, Gonzalo Muíños.

Precisamente sobre mobilidade amósanse “preocupados” polo estado da estación de reparto de última milla que facilitará o reparto de mercadorías no casco histórico que, na actualidade, provoca “graves trastornos aos veciños e veciñas da zona, así como a todo que pase polas rúas da cidade vella durante a mañá”. Muíños explica que desde a entrada do bipartito “nada se sabe” desta actuación que conta con fondos europeos. Tamén fixa como prioritario que se resolva a cuestión da nova ordenanza de circulación.

Tamén en materia de rehabilitación e vivenda, recorda Muíños que a intención dos socialistas era que do recadado coa taxa turística, unha parte importante se destinase a axudas de rehabilitación e accesibilidade: “traballaremos, cando chegue o momento, para esixir que isto sexa así”.